viernes, 13 de diciembre de 2013

Ensinanzas artísticas superiores e universidade


Ensinanzas artísticas superiores: un pulo necesario

[Non imos parar ata conseguilo. Nelson Mandela pasou máis de 25 anos no cárcere pero na fin as súas ideas gañaron. 

Nós seguiremos o seu exemplo. Non pararemos de loitar polo que é xusto e necesario.]

Con data do 13 de xaneiro de 2012 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ditaba unha sentencia na que estimaba de forma parcial a impugnación por parte da Universidade de Granada do Real Decreto 1614/2009, que establecía a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio de Educación (LOE). A demanda da Universidade de Granada, nacida na súa Facultade de Belas Artes, explicábase no feito de que as ensinanzas artísticas conducisen a un título de Grao que xa existía na dita universidade (Conservación e Restauración de Bens Culturais).

Por non estendérmonos nunha historiografía que ocupa varias décadas e que mesmo se remonta ao desenvolvemento daLei Moyano de 1857, sinalaremos a Lei Orgánica precedente (LOXSE) como a orixe recente do problema. Nesa norma foron equiparadas por fin as titulacións artísticas ás universitarias (licenciado ou diplomado, segundo os casos), pero sen modificar a regulación funcional, que mantiña a equivalencia dos centros que as imparten con institutos de bacharelato ou de formación profesional. Máis alá desa aberración lexislativa (da que son responsables tanto PP coma PSOE), o problema aumentaba cunha ordenación académica que limitaba o recorrido académico das ensinanzas artísticas ao segundo ciclo, obviando a importancia do terceiro ciclo, xa considerado pero non desenvolvido pola LOXSE, e do doutoramento, restrinxindo así a investigación nas disciplinas artísticas ao que cada docente puidese facer pola súa conta e cos seus recursos.

Esa equiparación -limitada ás titulacións- impediu que os centros e as propias ensinanzas ocupasen un espazo adecuado ao seu carácter superior, como si ten acontecido con outras ensinanzas que se integraron na universidade: Belas Artes, Educación Física e Deportiva, Enfermería, Fisioterapia, ou Mariña Civil. Prexuízos contra os creadores da cultura, da música, das artes escénicas? Seguramente si, e moitos.

A sentencia do Tribunal Supremo, impecable na súa argumentación, deixa a un elevado número de estudantes de toda Galicia sen a titulación de Grado na que se matricularon, e sen que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tivese tomado algunha iniciativa nalgunha dirección. O Ministerio de Educación, co apoio do PSOE, por boca da súa portavoz Soraya Rodríguez, propón na LOMCE a recuperación do “Título Superior” previsto na LOE, similar ao xa contemplado na LOXSE, e que terá unha equivalencia, iso é o que di a letra, “a todos os efectos”, ao título de Grao.

Non deixa de ser curioso que o Partido Popular teña renunciado á súa vella proposta, incluída no programa electoral de 2008, de integrar as ensinanzas artísticas superiores na universidade, ou que o Partido Socialista Obreiro Español, desde as instancias da súa dirección federal, insista con teimosía nun esquema caduco e fracasado, sabendo como sabe o PSOE que moitos militantes e moitas federacións apostan pola universidade. Son, todo hai que dicilo, vellos amigos de Rubalcaba, ancorados no pasado e en prexuízos contra a universidade, os que insisten en negar a posibilidade da universidade.

¿Unha titulación equivalente a todos os efectos? Esa é a cuestión que se haberá de dirimir en breve, por canto nos últimos anos un grupo crecente de universidades veñen implantando títulos de grao en todas as especialidades propias das ensinanzas artísticas. É probable que co tempo os graos teñan preferencia en determinados concursos públicos nos que se dea prioridade a titulacións universitarias como xa aconteceu en varios casos. Moi recentemente a Dirección Xeral de Profesorado da Generalitat de Cataluña establecía que en determinados concursos se terían en conta as titulacións estritamente universitarias, como se pode ver en escrito firmado por Don Alberto del Pozo Ortiz, con data do 12 de xullo de 2012, en resposta a unha carta de Don Carles de La Rosa, representante da Plataforma per als Titulats Superiors en Art Dramàtic i en Dansa.

Tememos que algo similar poida ocorrer en Europa, pois nos países acollidos ao EEES nos que unha mesma especialidade de estudos se imparte en institucións diversas, a titulación ten, sen embargo, a mesma denominación. Así a Royal School of Dramatic Art ofrece un BA en Interpretación que é a mesma titulación que ofrece a Central School of Speech and Drama, aínda que a primeira estea adscrita academicamente ao King’s College e a segunda forme parte da University of London. Os títulos que ofrece o Rose Bruford College de Londres tamén son validados academicamente por universidades, a de Manchester no caso do BA, e a de Londres no caso do MA. Outro tanto ocorre coas ensinanzas superiores de danza, deseño, música ou conservación e restauración de bens culturais. En Europa un Grao é un BA, pois esa é a denominación común: Bachelor of Arts.

Non deberiamos esquecer, en  ningún caso, que a norma que establece a equivalencia entre títulos é española, non europea, polo que ben podería ocorrer que non todos os títulos tivesen a mesma validez, sobre todo os non universitarios. É máis, as mesmas universidades que no seu día impugnaron o Real Decreto 1614/2009, poderían impugnar a necesaria corrección do Real Decreto 1027/2011, de 15 de xullo, que establece o Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, e os títulos superiores en ensinanzas artísticas poderían acabar no nivel 1, cos ciclos formativos de grao superior.

Situados aquí poderíamos afirmar que en España se está lexislando contra os naturais do país, por canto se abre a porta a que os títulos superiores en ensinanzas artísticas non teñan un recoñecemento automático no EEES, o que implicaría que os nosos titulados tivesen que iniciar o lento, custoso e non sempre favorable trámite de recoñecemento de titulacións, se deciden iniciar un periplo europeo ou americano.

Fronte a esta situación, ¿cabe imaxinar una proposta de resolución que beneficie a todas as partes implicadas, incluíndo a administración educativa? Honestamente creemos que si, e a resposta vén dada polos exemplos antes aludidos, como é o mapa da ensinanza superior de países coma o Reino Unido, Alemaña o Polonia.

Ao noso modo de ver, a clave radicaría na adscrición dos centros e das súas titulacións ás universidades, co que os títulos, pasando o proceso de verificación, serían universitarios de pleno dereito, e esa adscrición tamén implicaría notables melloras no funcionamento dos centros, dado que os centros adscritos deberían rexerse pola normativa universitaria. O Ministerio de Educación mesmo podería promover unha mellora substantiva do marco laboral do profesorado equiparándoo, nun primeiro momento, ao que rexía para os profesores e catedráticos de escola universitaria en cuanto a funcións, responsabilidades e retribucións. Por moito que o proceso implicase algunhas modificacións normativas, os resultados previsibles compensarían todo ese traballo. Pero tamén debemos dicir que as universidades non poden ser alleas a todo este conflito en tanto deberían considerar o prexuízo que se está causando a un elevado número de estudantes, vítimas dunha falta absoluta de pericia no ámbito da organización académica e escolar.

Ao mesmo tempo, iso permitiría a posta en marcha de estudos específicos de Posgrao, outra das graves carencias que presenta o sistema educativo español, onde non é posible realizar doutorados en determinadas disciplinas, cando menos na ensinanza pública. Igualmente dificulta a creación de grupos de investigación competitivos nos centros superiores dada a imposibilidade de acreditar a carreira docente e investigadora que si poden acreditar os docentes universitarios (sexenios de investigación, teses doutorais dirixidas, participación en grupos competitivos…). Unha situación que impide de forma clara dar cumprimento ao establecido na Disposición adicional quinta do Real Decreto 1614/2009, en relación con “programas de investigación no ámbito das disciplinas que lle son propias”. En ambos casos, os estudios de posgrao e os grupos de investigación, hai un prexuízo notable para o alumnado, para o profesorado e para os centros (que non poden acceder a importantes recursos de todo tipo), e anúlase a posibilidade de que todos eles poidan contribuír ao desenvolvemento de coñecemento vinculado coa innovación, a creación ou a conservación de patrimonio artístico. Todo o que cada quen poida facer vaino facer a título individual e con recursos propios, sen ningún tipo de axuda institucional.

Pero o compromiso persoal non sempre abonda. As dificultades para promover a investigación nos centros superiores de ensinanzas artísticas aumentan aínda máis, se cabe, se consideramos a normativa máis recente. En efecto, o Real Decreto 99/2011, de 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutorado, establece os procedementos para a implantación de estudos de doutorado, que demandan uns requisitos que a día de hoxe nin os centros superiores de ensinanzas artísticas nin o seu profesorado poden acreditar LEGALMENTE (non por falta de méritos), en tanto en ningún caso o profesorado de tales centros pode acreditar a experiencia investigadora seguindo o procedemento habitual (sexenios) propio do profesorado universitario; nalgúns casos, como en Arte dramática, nin existe esa área de coñecemento entre as que se contemplan na docencia na universidade. Por outro lado, nin os centros nin o seu profesorado están en condiciones a día de hoxe de participar en programas de I+D+i, pola simple razón de que non se consideran centros de investigación.      

Os máis escépticos farían ben en lembrar que as más prestixiosas universidades do mundo (Yale, Princeton, Columbia, Cornell, Stanford, Bristol, Warwick, etc.) inclúen na súa oferta educativa ensinanzas artísticas. Por outra parte, conviría recordar que en toda América, de Canadá a Chile, ademais de Europa enteira, estas ensinanzas son parte da oferta universitaria o dela dependen, e onde non é así, o proceso de integración xa se puxo en marcha, por razóns evidentes. Farían ben en comprobar, por outro lado, a sensible mellora que teñen vivido centros que non hai moito se integraron na Universidade, como a Central School of Speech and Drama de Londres, que en 2005 se integra na University of London como unha das súas facultades, incrementando desde aquela e de forma exponencial a súa oferta educativa de grado e posgrao, incluíndo o doutorado.

Non operar con esa lóxica supón situarse nun territorio máis propio da formación profesional, cunha titulación en proceso de degradación e non equiparable, de forma automática en Europa (como si vai ocorrer co Grao), pero tamén coutar, de forma radical, as posibilidades de mellora e progreso dos centros, do seu alumnado e do seu profesorado. Supón ademais deixar en mans das universidades, sobre todo das privadas, a organización de estudos de grao, e, por conseguinte, os de posgrao e de doutorado.

A adscrición a unha universidade podería ser permanente, sobre todo no caso daqueles centros que desexan preservar a súa identidade por razóns varias. Pero esa simple adscrición xa facilitaría de forma substantiva a mellora e a adecuación da súa oferta educativa, sobre todo se no decreto de adscrición que debería elaborar o Ministerio de Educación, por pura lóxica de cohesión territorial, se considera a necesidade de optimizar recursos e servizos, desde as bibliotecas ata as oficinas de mobilidade. En outros casos, esa adscrición inicial podería dar lugar -a curto ou medio prazo- a unha plena integración, polo que as vantaxes serían a todas luces notables, pois a integración facilitaría o pleno desenvolvemento del enorme potencial que atesouran os centros.

Tanto o Ministerio como as Comunidades Autónomas teñen diante súa, coa colaboración necesaria e xenerosa das universidades, a posibilidade de solucionar un problema, que afecta a un número moi elevado de estudantes, da forma más plausible e eficaz, pois a propia LOE no seu artigo 58, apartado 4, non eliminado pola LOMCE, contempla a posibilidade de que as Comunidades Autónomas e as universidades do seu ámbito territorial establezan convenios para a organización destas ensinanzas. Tan só se precisa un Real Decreto básico de adscrición que marque unha pauta xeral en toda España, e que incluso podería conter o esquema básico para a posterior integración, como xa propuxeron persoas vinculadas coa Plataforma Estatal por la Integración de las Enseñanzas Artísticas Superiores en el Espacio Universitario.

Xamais un problema tivo unha solución máis fácil, cómoda e rendible, sobre todo en termos de satisfacción das comunidades educativas e na propia mellora dunhas ensinanzas estratéxicas no ámbito das artes e da cultura. Estamos aínda a tempo para que con data do 1 de xullo de 2014 os centros superiores de ensinanzas artísticas do Estado, e as súas titulacións, se adscriban á universidade, e garantir así que os seus títulos, trala presentación da pertinente memoria de acreditación, sexan universitarios. De non operar con esa lóxica estarán xerando un prexuízo e un problema que traerá consecuencias nefastas para os titulados superiores en ensinanzas artísticas.

domingo, 13 de octubre de 2013

A Consellería de Educación mostra os seus PRExuízos



Torpe, torpe, moi torpe. 

Así se podería considerar a nota feita pública pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria hai uns días mentres todo o alumnado da Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra chegaba a Compostela para presentar no Parlamento e en San Caetano a súa demanda: converxer con Europa nun momento en que os titulos perden a sua dimensión nacional para adquirir outra máis transnacional.

A nota da Consellería conten moitas contradicións e parece ter sido escrita con rapidez e un notable nerviosismo. En breve a Plataforma fará publica a súa resposta punto por punto. 

Dado que a nota é un exemplo preciso do que non se debe facer, do que non se debe escribir, aquí a reproducimos. Algún día escribirán a historia das artísticas superiores en Galicia e aquí terán un documento que con moitas posibilidades de interpretación creativa.


A Consellería de Cultura e Educación lembra que a LOMCE, aprobada hoxe no Congreso, reafirma a equivalencia co grao universitario dos títulos das ensinanzas artísticas superiores

O texto legal solventa o problema xerado pola anterior administración educativa socialista
A Xunta planea potenciar estas ensinanzas artísticas superiores na procura da excelencia e non contempla a súa adscrición universitaria

Xov, 10/10/2013 - 17:31

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere salientar que a aprobación hoxe da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) reafirma a equivalencia co grao universitario dos títulos obtidos nas ensinanzas artísticas superiores. O texto, aprobado hoxe no Congreso dos Deputados solventa un problema xerado pola anterior administración educativa socialista. De feito, foi o Real Decreto 1614/2009, do 26 de outubro, elaborado polo goberno do PSOE, anulado parcialmente polo Tribunal Supremo, o que creou a confusión coa denominación da titulación de “grao” aplicada a estas ensinanzas modificando o título establecido na LOE: título superior equivalente ao título universitario de diplomado ou título de grao equivalente. 

A LOMCE vén a reforzar agora o carácter destas ensinanzas superiores equivalentes ao título de grao ao establecer que “os alumnos que superen os estudios de ensinanzas artísticas superiores obterán o Título Superior que queda incluído a todos os efectos no nivel 2 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, e será equivalente ao título universitario de grao. Sempre que a normativa aplicable esixa estar en posesión do título universitario de Grao, entenderase que cumpre este requisito quen estea en posesión do correspondente Título Superior.”
Aposta pola mellora e a excelencia
Consecuentemente, a Consellería de Cultura e Educación non só non vai renunciar a seguir xestionando as escolas artísticas superiores, senón que vai seguir traballando para incrementar a calidade das ensinanzas que nelas se imparten, co fin de que, na procura da excelencia, os seus titulados acaden a mellor das cualificacións para afrontar o mundo laboral.
A Consellería rexeita, pois, a posibilidade de adscrición destes centros á Universidade –xa que, ademais, conlevaría graves inconvenientes, mesmo para o seu profesorado-, e anuncia que seguirá impartindo estas ensinanzas no marco que establece a LOMCE, sen prexuízo de que se poidan convir fórmulas de colaboración coas universidades para desenvolver estudos de posgrao neste ámbito. A estes efectos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten previsto asinar un convenio coa ACSUG, para o seguimento e a acreditación das ensinanzas artísticas superiores que se impartan na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo ao que se establece no marco europeo de educación superior.
Oito centros en Galicia
Cómpre sinalar que na Comunidade Autónoma Galega están plenamente desenvolvidas as ensinanzas artísticas superiores que contan con 8 centros específicos, así como coa dotación de persoal docente pertencente aos corpos de ensinanzas artísticas. Trátase dos centros onde se imparten estudos superiores de música (A Coruña e Vigo), estudos superiores de arte dramática (Vigo), estudos superiores de deseño (A Coruña, Santiago, Lugo e Ourense) e estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais (Pontevedra).
Estudos de conservación e restauración
Ao estar garantida a absoluta seguridade xurídica para o alumnado que está a cursar estas ensinanzas, a Consellería de Cultura e Educación non se explica a existencia da campaña de desinformación e mobilizacións desatada dende a Escola Superior de Conservación e Restauración de bens Culturais de Galicia, con sede en Pontevedra, respecto da titulación que obterá o alumnado ao rematar o presente curso académico, xa que recibirá o título superior de conservación e restauración de bens culturais, equivalente ao título de grao, tal como se establece na LOE e se reforza na LOMCE hoxe aprobada.
A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia foi creada polo Decreto 352/1991, do 17 de outubro, e ven impartindo, con alto nivel de calidade, as especialidades de arqueoloxía, escultura e pintura, sendo das primeiras escolas desta modalidade no conxunto do estado. Neste curso académico, 2013-2014, estase a implantar o cuarto curso correspondente ao plan LOE; e o alumnado que remate este curso obterá, por primeira vez, un título equivalente a grao, xa que, como se dixo, a titulación que se obtiña ata agora era equivalente a diplomado. A gran demanda para realizar este cuarto curso, levou a un incremento na matrícula dun 79%, pasando dos 53 alumnos que cursaron estas ensinanzas o pasado curso académico, 2012-2013, aos 95 actualmente matriculados; o que pon de manifesto a boa valoración que fai o alumnado destas ensinanzas e o valor do novo título equivalente ao universitario de grao.
Polo demais, en España, existen un total de 13 escolas públicas non universitarias de conservación e restauración de bens culturais que imparten estas ensinanzas superiores, e 7 universidades que ofertan ensinanzas de conservación e restauración de bens culturais como títulos de grao. Non hai constancia da existencia de escolas públicas de conservación e restauración de bens culturais adscritas a universidades, e nalgunha Comunidade Autónoma coexisten ambas ofertas.
Departamento: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Tema: Información xeral
Ensinanza: Ensinanzas de réxime especial

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

domingo, 19 de mayo de 2013

Ensinanzas artísticas superiores á universidade xa! Porque a LOE así o permite, porque a sociedade así o reclama! Porque somos europeos/as, ou non?




As ensinanzas artísticas superiores: a última oportunidade

É probable que en poucos anos moitos titulados e tituladas superiores en ensinanzas artísticas, pola LOE e pola LOMCE, comproben que os seus títulos, ademais de non ser títulos de grao, tampouco non teñen un recoñecemento automático no EEES, porque a norma que establece a súa equivalencia a “grao” é española mais non europea, e porque o tal “título superior” en Europa non existe. A pesar de todo canto se ten argumentado, as administracións educativas seguen sen considerar a necesidade de solucionar un contencioso que volve situar as ensinanzas artísticas superiores nunha terra de ninguén, entre a universidade e a formación profesional de “grao superior”. De novo, insistimos na necesidade de que se estableza a adscrición das ensinanzas á universidade como única medida para salvagardar os lexítimos dereitos do alumnado, algo que por outra parte xa se pode lexislar coa norma educativa actual, coa LOE, norma básica suficiente. Non facelo, sería tanto como atentar contra os dereitos dos naturais do país, e permitir que España, no que fai ás ensinanzas artísticas superiores, siga a ser unha anomalía en toda Europa. Como Herodoto, deixamos constancia dos feitos para que en breve cada quen saiba o retrato que lle corresponde e o lugar que a Historia lle ten asignado.

Con data do 13 de xaneiro de 2012 a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo ditaba unha sentenza na que estimaba de forma parcial a impugnación por parte da Universidade de Granada do Real Decreto 1614/2009, que establecía a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio de Educación (LOE). A demanda da Universidade de Granada, nacida na súa facultade de Belas Artes, explicábase polo feito de que as ensinanzas artísticas conducisen a un título de Grao que xa existía na universidade (Conservación e Restauración de Bens Culturais).

Por non nos estender nunha historia que ocupa varias décadas, sinalaremos a lei orgánica precedente (LOXSE) como a orixe recente do problema. Nesa norma, foron equiparadas as titulacións artísticas superiores ás universitarias (licenciado ou diplomado, segundo os casos), pero sen modificar a regulación funcional, que equiparaba a institutos de bacharelato ou de formación profesional aos centros que as impartían. Máis alá desa aberración lexislativa, o disparate aumentaba cunha ordenación académica que limitaba o recorrido académico das ensinanzas artísticas ao segundo ciclo, obviando a importancia do doutoramento e restrinxindo a investigación nas disciplinas artísticas. Esa equiparación -limitada ás titulacións- impediu ademais que os centros e as propias ensinanzas se situasen nun espazo axeitado ao seu carácter superior, como si aconteceu con outras ensinanzas que se integraron con éxito na universidade: Belas Artes, Educación Física e Deportiva, Enfermería, Fisioterapia, Marina Civil...

A sentenza do Tribunal Supremo, impecable na súa argumentación, deixa a un elevado número de estudantes de toda España sen a titulación de Grao comprometida. O Ministerio de Educación, o Partido Popular, e o Partido Socialista, propoñen na nova LOMCE a recuperación do “título superior” previsto na LOE, similar ao xa contemplado na LOGSE, e que será equivalente, iso de di, “a todos os efectos”, ao título de Grao. Prolóngase así, con inefable teimosía, un esquema para as ensinanzas artísticas a día de hoxe fracasado.

Unha titulación equivalente a todos os efectos? Esa é a cuestión que se haberá de dirimir en breve, por canto nos últimos anos un grupo crecente de universidades implantaron títulos de grao en todas as especialidades propias das ensinanzas artísticas. É probable que co tempo os graos teñan preferencia en determinados concursos públicos nos que se dea preferencia ás titulacións universitarias como xa aconteceu en non poucos casos. Moi recentemente a Dirección Xeral de Profesorado da Generalitat de Cataluña establecía que en determinados concursos se terían en conta titulacións estritamente universitarias.

Pensamos que algo similar pode acontecer en Europa. Naqueles países acollidos ao EEES nos que unha mesma especialidade de estudos se imparte en institucións diversas, a titulación ten, porén, a mesma denominación, e sempre é universitaria, é dicir, outórgaa unha universidade. Así, a Royal School of Dramatic Art ofrece un B(achelor) of A(rts) en Interpretación que é a mesma titulación que ofrece a Central School of Speech and Drama, aínda que a primeira estea adscrita academicamente ao King’s College e a segunda forme parte da University of London. Os títulos que ofrece o Rose Bruford College de Londres tamén son validados academicamente por universidades, a de Manchester no caso do BA, e a de Londres no caso del M(aster) of A(arts). E isto mesmo ocorre en Deseño, Conservación e Restauración, Música ou Danza. Trátase, en todos os casos, de títulos de grao ou programas de graduado, que dependen de universidades, con independencia de que os centros sexan públicos ou privados, laicos ou relixiosos, de elite ou comunitarios, universitarios ou non. O que sempre terán en común é un programa de grao que conduce a un título expedido por unha universidade.

En España a situación é diferente, porque a norma que establece a equivalencia entre títulos é española, non europea, polo que en momentos nos que a loita por un posto de traballo se torna épica, ben podería ocorrer que non todos os títulos tivesen a mesma validez, sobre todo os non universitarios. É máis, as mesmas universidades que no seu día impugnaron o Real Decreto 1614/2009, poderían impugnar a necesaria corrección do Real Decreto 1027/2011, de 15 de xullo, que establece o Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, e os títulos superiores en ensinanzas artísticas poderían acabar no nivel 1, cos ciclos formativos de grao superior. E ben que se podería debater, ademais, se a falta de acreditación, ou a inexistencia de doutorado non abondan para deixar fóra do EEES as ensinanzas artísticas superiores.

Situados aquí poderiamos considerar que en España se está lexislando contra os naturais do país, por canto se abre a porta a que os títulos superiores en ensinanzas artísticas non teñan un recoñecemento automático no EEES, o que implicaría que os nosos titulados e tituladas tivesen que iniciar o lento, custoso e non sempre favorable trámite de recoñecemento de titulacións, como acontece agora mesmo. Fronte a esta situación, cabe imaxinar unha proposta de resolución que beneficie a todas as partes implicadas, e respecte igualmente a súa situación? Honestamente pensamos que si, e a resposta vén dada polos exemplos antes aludidos: o mapa da ensinanza superior de países coma o Reino Unido, Alemaña ou Portugal

Ao noso modo de ver, a clave radicaría na adscrición dos centros e das súas titulacións ás universidades, co que os títulos serían universitarios de pleno dereito, pero esa adscrición tamén implicaría notables melloras no funcionamento dos centros, dado que como adscritos terían que rexerse pola normativa universitaria. Ao mesmo tempo iso permitiría a posta en marcha de estudos específicos de posgrao. Aínda que o proceso implicase algunhas modificacións normativas, os resultados previsibles abondarían para compensalas. Por suposto, a este proceso non poden ser alleas as propias universidades, en tanto deberían considerar o prexuízo que se está causando a un amplo conxunto de estudantes, que son cidadáns e cidadás.

Os máis escépticos farían ben en lembrar que as máis prestixiosas universidades do mundo (Yale, Princeton, Columbia, Cornell, Stanford, etc.) inclúen na súa oferta educativa ensinanzas artísticas. Por outra parte, conviría saber que en toda América, de Canadá a Chile, ademais de en case toda Europa, estas ensinanzas son parte da oferta universitaria o dela dependen, e onde non é así, o proceso de integración xa se puxo en marcha por razóns evidentes. É curioso que en España se siga pensando con claves propias do século XIX.

A adscrición a unha universidade podería ser permanente, sobre todo no caso de aqueles centros que desexen preservar a súa identidade e manter o seu actual estatuto. Pero esa simple adscrición xa facilitaría de forma substantiva a mellora e a adecuación da súa oferta educativa, pero tamén optimizar recursos e servizos, desde as bibliotecas até as oficinas de mobilidade. Noutros casos, esa adscrición inicial podería dar lugar -a curto ou medio prazo- a unha plena integración, co que as vantaxes serían a todas luces notables, pois a integración facilitaría o pleno desenvolvemento do enorme potencial que atesouran os centros

As Comunidades Autónomas teñen diante súa a posibilidade de solucionar un problema que afecta a un número moi elevado de estudantes, da forma máis plausible e máis eficaz, pois a propia LOE no seu artigo 58, apartado 4, contempla a posibilidade de que as Comunidades Autónomas e as universidades do seu ámbito territorial establezan convenios para a organización destas ensinanzas. A pelota está no tellado da Consellería. Non cabe aducir a falta de norma básica, pois a norma básica é unha Lei de Educación. 

E de facelo, contará co apoio das comunidades educativas. Por iso, xamais un problema tivo solución tan doada, cómoda e rendible, sobre todo en termos de satisfacción das comunidades educativas e no propio desenvolvemento dunhas ensinanzas estratéxicas no ámbito das artes e da cultura. Estamos aínda a tempo para que con data do 1 de xullo de 2013 os centros superiores de ensinanzas artísticas de Galicia, ou en casos algunhas das súas titulacións, se adscriban á universidade, e garantir así que os seus títulos, coa presentación da pertinente memoria de acreditación, sexan universitarios. De non operar con esa lóxica estarase xerando un prexuízo que traerá consecuencias nefastas. Lembremos o que acaba de acontecer coa Lei Hipotecaria en España.

Non imos perder esta batalla pois xamais deixaremos de loitar polo que é xusto. Se non asiñaches a nosa petición, aínda estas a tempo. Busca o link na entrada que hai máis abaixo.

jueves, 24 de enero de 2013

Campaña Universidade xa!!!


NECESITAMOS A TÚA SINATURA, E COA TÚA TRINTA MÁIS
NON PODEMOS QUEDAR ATRÁS
NON PODEMOS PERDER
ASINA!!!

Amigas e amigos:

A Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas coa finalidade de lograr que con data do 1 de xullo de 2013 os centros integrados na Plataforma sexan adscritos ao sistema universitario galego, e poñer así fin a unha situación que vén afectando negativamente o seu desenvolvemento en tanto ensinanzas superiores integradas no EEES, pero tamén os dereitos e oportunidades dun alumnado certamente discriminado, e non positivamente.

Sabemos que tanto por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como por parte das Universidades existe unha disposición favorable a esta proposta nosa (cousa que agradecemos), e con esta iniciativa queremos animar os acordos precisos entre as partes. Cómpre pois xuntar o maior número de sinaturas posible e por iso non só che pedimos que asines, se compartes este noso obxectivo, senón que difundas esta solicitude de axuda nas túas listas de correo:

http://www.change.org/es/peticiones/integraci%C3%B3n-das-ensinanzas-art%C3%ADsticas-superiores-na-universidade-galega?utm_source=share_petition&utm_medium=url_share&utm_campaign=url_share_after_sign


Participa! 
Podemos facelo!!!

miércoles, 23 de enero de 2013

Comezando a loita que non imos perder

A Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade inicia un novo ano con obxectivos precisos, e entre eles destaca o de lograr que con data do 1 de xullo de 2013 os centros integrados na mesma e as titulacións que ofrecen se adscriban á universidade.

Onte, 22 de xaneiro, a Plataforma mantivo a primeira xuntanza do ano na que se elaborou un plan de traballo orientado na consecución dos seus obxectivos, todos eles vinculados coa posta en valor e pleno desenvolvemento das ensinanzas artísticas superiores. Entende a Plataforma que a súa petición e razoable e factible, e por iso confía en que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dea os pasos necesarios para dar resposta a unha demanda social inapelable.

Para o xoves día 31 de xaneiro de 2013 a Plataforma vai convocar unha rolda de prensa na que informará dese plan de traballo.

Os centros integrados na Plataforma van crear unha comisión conxunta de traballo coa finalidade de elaborar as Memorias de acreditación para cada unha das titulacións de grao xa implantadas, e toda a documentación do Sistema de Garantía Interna de Calidade. Un proceso de traballo que vai estar rematado contra finais de maio de 2013, coa finalidade de que o proceso de adscrición se poida realizar sen impedimentos.

Entre xaneiro e xuño de 2013 a Plataforma vai desenvolver moi diferentes actividades orientadas a lograr unha plena integración das artísticas superiores no sistema universitario de Galicia. De todas esas actividades iremos informando nestas páxinas.

Se queres grao, se queres un verdadeiro Espazo Europeo de Educación Superior, súmate á Plataforma, participa na loita. 

martes, 22 de enero de 2013

Manifesto da Plataforma 22 de xaneiro de 2013

POLA INTEGRACIÓN NA UNIVERSIDADE DAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES O 1 DE XULLO DE 2013

En febreiro de 2012 varias sentenzas do Tribunal Supremo deixaban a miles de alumnos e alumnas de todo o Estado nunha situación de absoluta indefensión por canto se lles privaba da titulación na que se matricularan no curso escolar 2010-2011. As sentenzas do Supremo establecían que os títulos aos que conducen as ensinanzas artísticas superiores (EEAASS) non poden ter a denominación de “Grao”, ao ser un “título superior equivalente a Grao”.

As sentenzas do Tribunal Supremo viñan mostrar o estado de precariedade das EEAASS, que se imparten en centros que a todos os efectos son institutos de educación secundaria, e de igual consideración goza o seu alumnado, profesorado, infraestruturas, dotacións e recursos. Dáse así o paradoxo de que unhas ensinanzas integradas no Espazo Europeo de Educación Superior se sitúen nun marco académico que en ningún caso conta cun estatuto superior, un feito que tamén impide que os titulados e tituladas en EEAASS poidan continuar estudos de posgrado  nas áreas de coñecemento propias das mesmas.

Diante desa situación de indefensión do alumando e de precariedade das ensinanzas, con data do 15 de marzo de 2012 constituíse en Pontevedra a Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade, que, recollendo o sentir unánime do sector, vén desde entón desenvolvendo accións diversas para lograr a plena integración das EEAASS na universidade a través dun período previo de adscrición que permita adecuar esa integración ás características e especificidades das ensinanzas.

Considerando que a Lei Orgánica de Educación (LOE), a Lei Orgánica de Universidades (LOU), e mesmo o anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) contemplan a posibilidade de que as Comunidades Autónomas e as Universidades poidan establecer convenios para a organización das EEAASS no seu ámbito competencial, a Plataforma solicita se poñan en marcha os mecanismos necesarios para que con data do 1 de xullo de 2013 os centros que imparten as ensinanzas superiores de Arte Dramática, Conservación e Restauración de Bens Culturais, Música, e outras que se queiran considerar, se adscriban a universidade, para que o alumnado que no curso escolar 2013-2014 remata os seus estudos de grao poida finalmente obter esa titulación e non outra similar ou equivalente. A adscrición debe supoñer, de igual modo, o inicio dun proceso aberto de negociación que permita a integración plena das EEAASS na universidade nun prazo razoable.

A Plataforma entende que esta situación das EEAASS afecta gravemente ao proceso de consolidación dunhas ensinanzas estratéxicas para o tecido creativo e produtivo de Galicia, e reclama igualmente das administracións públicas un plan de dignificación e financiamento específico para as EEAASS, coa finalidade de dotar aos centros das infraestruturas, equipamentos e recursos necesarios para o cumprimento das súas funcións nos planos da docencia e da investigación, e para que poidan cumprir con criterios de calidade e excelencia o seu rol no proceso de vertebración dunha economía creativa, sostible e vizosa.


Asemblea de alumnas  e alumnos do CSM de A Coruña
Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia
Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo
Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia
Asociación de Titulados en Estudos Superiores de Arte Dramática de Galicia

Conservatorio Superior de Música de Vigo
Conservatorio Superior de Música de A Coruña
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Escola Superior de Conservación e Restauración de BBCC de Galicia

CIG Ensino, Confederación Intersindical Galega
Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia
FETE-UGT Galicia.
STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia