domingo, 19 de mayo de 2013

Ensinanzas artísticas superiores á universidade xa! Porque a LOE así o permite, porque a sociedade así o reclama! Porque somos europeos/as, ou non?




As ensinanzas artísticas superiores: a última oportunidade

É probable que en poucos anos moitos titulados e tituladas superiores en ensinanzas artísticas, pola LOE e pola LOMCE, comproben que os seus títulos, ademais de non ser títulos de grao, tampouco non teñen un recoñecemento automático no EEES, porque a norma que establece a súa equivalencia a “grao” é española mais non europea, e porque o tal “título superior” en Europa non existe. A pesar de todo canto se ten argumentado, as administracións educativas seguen sen considerar a necesidade de solucionar un contencioso que volve situar as ensinanzas artísticas superiores nunha terra de ninguén, entre a universidade e a formación profesional de “grao superior”. De novo, insistimos na necesidade de que se estableza a adscrición das ensinanzas á universidade como única medida para salvagardar os lexítimos dereitos do alumnado, algo que por outra parte xa se pode lexislar coa norma educativa actual, coa LOE, norma básica suficiente. Non facelo, sería tanto como atentar contra os dereitos dos naturais do país, e permitir que España, no que fai ás ensinanzas artísticas superiores, siga a ser unha anomalía en toda Europa. Como Herodoto, deixamos constancia dos feitos para que en breve cada quen saiba o retrato que lle corresponde e o lugar que a Historia lle ten asignado.

Con data do 13 de xaneiro de 2012 a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo ditaba unha sentenza na que estimaba de forma parcial a impugnación por parte da Universidade de Granada do Real Decreto 1614/2009, que establecía a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio de Educación (LOE). A demanda da Universidade de Granada, nacida na súa facultade de Belas Artes, explicábase polo feito de que as ensinanzas artísticas conducisen a un título de Grao que xa existía na universidade (Conservación e Restauración de Bens Culturais).

Por non nos estender nunha historia que ocupa varias décadas, sinalaremos a lei orgánica precedente (LOXSE) como a orixe recente do problema. Nesa norma, foron equiparadas as titulacións artísticas superiores ás universitarias (licenciado ou diplomado, segundo os casos), pero sen modificar a regulación funcional, que equiparaba a institutos de bacharelato ou de formación profesional aos centros que as impartían. Máis alá desa aberración lexislativa, o disparate aumentaba cunha ordenación académica que limitaba o recorrido académico das ensinanzas artísticas ao segundo ciclo, obviando a importancia do doutoramento e restrinxindo a investigación nas disciplinas artísticas. Esa equiparación -limitada ás titulacións- impediu ademais que os centros e as propias ensinanzas se situasen nun espazo axeitado ao seu carácter superior, como si aconteceu con outras ensinanzas que se integraron con éxito na universidade: Belas Artes, Educación Física e Deportiva, Enfermería, Fisioterapia, Marina Civil...

A sentenza do Tribunal Supremo, impecable na súa argumentación, deixa a un elevado número de estudantes de toda España sen a titulación de Grao comprometida. O Ministerio de Educación, o Partido Popular, e o Partido Socialista, propoñen na nova LOMCE a recuperación do “título superior” previsto na LOE, similar ao xa contemplado na LOGSE, e que será equivalente, iso de di, “a todos os efectos”, ao título de Grao. Prolóngase así, con inefable teimosía, un esquema para as ensinanzas artísticas a día de hoxe fracasado.

Unha titulación equivalente a todos os efectos? Esa é a cuestión que se haberá de dirimir en breve, por canto nos últimos anos un grupo crecente de universidades implantaron títulos de grao en todas as especialidades propias das ensinanzas artísticas. É probable que co tempo os graos teñan preferencia en determinados concursos públicos nos que se dea preferencia ás titulacións universitarias como xa aconteceu en non poucos casos. Moi recentemente a Dirección Xeral de Profesorado da Generalitat de Cataluña establecía que en determinados concursos se terían en conta titulacións estritamente universitarias.

Pensamos que algo similar pode acontecer en Europa. Naqueles países acollidos ao EEES nos que unha mesma especialidade de estudos se imparte en institucións diversas, a titulación ten, porén, a mesma denominación, e sempre é universitaria, é dicir, outórgaa unha universidade. Así, a Royal School of Dramatic Art ofrece un B(achelor) of A(rts) en Interpretación que é a mesma titulación que ofrece a Central School of Speech and Drama, aínda que a primeira estea adscrita academicamente ao King’s College e a segunda forme parte da University of London. Os títulos que ofrece o Rose Bruford College de Londres tamén son validados academicamente por universidades, a de Manchester no caso do BA, e a de Londres no caso del M(aster) of A(arts). E isto mesmo ocorre en Deseño, Conservación e Restauración, Música ou Danza. Trátase, en todos os casos, de títulos de grao ou programas de graduado, que dependen de universidades, con independencia de que os centros sexan públicos ou privados, laicos ou relixiosos, de elite ou comunitarios, universitarios ou non. O que sempre terán en común é un programa de grao que conduce a un título expedido por unha universidade.

En España a situación é diferente, porque a norma que establece a equivalencia entre títulos é española, non europea, polo que en momentos nos que a loita por un posto de traballo se torna épica, ben podería ocorrer que non todos os títulos tivesen a mesma validez, sobre todo os non universitarios. É máis, as mesmas universidades que no seu día impugnaron o Real Decreto 1614/2009, poderían impugnar a necesaria corrección do Real Decreto 1027/2011, de 15 de xullo, que establece o Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, e os títulos superiores en ensinanzas artísticas poderían acabar no nivel 1, cos ciclos formativos de grao superior. E ben que se podería debater, ademais, se a falta de acreditación, ou a inexistencia de doutorado non abondan para deixar fóra do EEES as ensinanzas artísticas superiores.

Situados aquí poderiamos considerar que en España se está lexislando contra os naturais do país, por canto se abre a porta a que os títulos superiores en ensinanzas artísticas non teñan un recoñecemento automático no EEES, o que implicaría que os nosos titulados e tituladas tivesen que iniciar o lento, custoso e non sempre favorable trámite de recoñecemento de titulacións, como acontece agora mesmo. Fronte a esta situación, cabe imaxinar unha proposta de resolución que beneficie a todas as partes implicadas, e respecte igualmente a súa situación? Honestamente pensamos que si, e a resposta vén dada polos exemplos antes aludidos: o mapa da ensinanza superior de países coma o Reino Unido, Alemaña ou Portugal

Ao noso modo de ver, a clave radicaría na adscrición dos centros e das súas titulacións ás universidades, co que os títulos serían universitarios de pleno dereito, pero esa adscrición tamén implicaría notables melloras no funcionamento dos centros, dado que como adscritos terían que rexerse pola normativa universitaria. Ao mesmo tempo iso permitiría a posta en marcha de estudos específicos de posgrao. Aínda que o proceso implicase algunhas modificacións normativas, os resultados previsibles abondarían para compensalas. Por suposto, a este proceso non poden ser alleas as propias universidades, en tanto deberían considerar o prexuízo que se está causando a un amplo conxunto de estudantes, que son cidadáns e cidadás.

Os máis escépticos farían ben en lembrar que as máis prestixiosas universidades do mundo (Yale, Princeton, Columbia, Cornell, Stanford, etc.) inclúen na súa oferta educativa ensinanzas artísticas. Por outra parte, conviría saber que en toda América, de Canadá a Chile, ademais de en case toda Europa, estas ensinanzas son parte da oferta universitaria o dela dependen, e onde non é así, o proceso de integración xa se puxo en marcha por razóns evidentes. É curioso que en España se siga pensando con claves propias do século XIX.

A adscrición a unha universidade podería ser permanente, sobre todo no caso de aqueles centros que desexen preservar a súa identidade e manter o seu actual estatuto. Pero esa simple adscrición xa facilitaría de forma substantiva a mellora e a adecuación da súa oferta educativa, pero tamén optimizar recursos e servizos, desde as bibliotecas até as oficinas de mobilidade. Noutros casos, esa adscrición inicial podería dar lugar -a curto ou medio prazo- a unha plena integración, co que as vantaxes serían a todas luces notables, pois a integración facilitaría o pleno desenvolvemento do enorme potencial que atesouran os centros

As Comunidades Autónomas teñen diante súa a posibilidade de solucionar un problema que afecta a un número moi elevado de estudantes, da forma máis plausible e máis eficaz, pois a propia LOE no seu artigo 58, apartado 4, contempla a posibilidade de que as Comunidades Autónomas e as universidades do seu ámbito territorial establezan convenios para a organización destas ensinanzas. A pelota está no tellado da Consellería. Non cabe aducir a falta de norma básica, pois a norma básica é unha Lei de Educación. 

E de facelo, contará co apoio das comunidades educativas. Por iso, xamais un problema tivo solución tan doada, cómoda e rendible, sobre todo en termos de satisfacción das comunidades educativas e no propio desenvolvemento dunhas ensinanzas estratéxicas no ámbito das artes e da cultura. Estamos aínda a tempo para que con data do 1 de xullo de 2013 os centros superiores de ensinanzas artísticas de Galicia, ou en casos algunhas das súas titulacións, se adscriban á universidade, e garantir así que os seus títulos, coa presentación da pertinente memoria de acreditación, sexan universitarios. De non operar con esa lóxica estarase xerando un prexuízo que traerá consecuencias nefastas. Lembremos o que acaba de acontecer coa Lei Hipotecaria en España.

Non imos perder esta batalla pois xamais deixaremos de loitar polo que é xusto. Se non asiñaches a nosa petición, aínda estas a tempo. Busca o link na entrada que hai máis abaixo.