sábado, 15 de marzo de 2014

Creada unha asemblea cidadá en favor da integración das ensinanzas artísticas superiores na UNIVERSIDADE

A publicación recente en El País, edición galega, dunha noticia en relación coa situación das ensinanzas artísticas superiores, e os prexuízos que tal situación causa ao alumnado, xunto coa información contraditoria que se fixo pública os días 5 e 6 de marzo, e que se comenta nunha entrada que se pode encontrar neste blog, provocou unha considerable inquietude entre moitas persoas preocupadas pola situación das ensinanzas artísticas superiores, que decidiron convocar unha xuntanza no Milladoiro, nos locais de Nova Escola Galega.  

A súa intención é a de actuar coma un verdadeiro amilladoiro de vontades, á vista do comunicado que nos fan chegar no que solicitan a súa incorporación á Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no sistema universitario de Galicia. A nova aparece recollida en diferentes medios de comunicación como Praza pública, Sermos Galiza ou La Voz de Galicia. Visitar esas páxinas, darlle un "góstame" á noticia, votar por ela ou deixar un comentario tamén é importante. 

Dámoslle a benvida a esta valente iniciativa cidadá constituída en Asemblea Aberta e publicamos o seu comunidado:


ASEMBLEA ABERTA POLA INTEGRACIÓN DOS
DE CENTROS DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES
DE GALICIA NA UNIVERSIDADE

Ás 10: 30 da mañá do día de hoxe, 15 de marzo de 2014, tivo lugar nos locais de Nova Escola Galega, sitos en Milladoiro Novo, Concello de Ames, o acto de constitución da Asemblea Aberta cidadá pola integración das ensinanzas artísticas superiores no sistema universitario galego.

Na dita asemblea cidadá participan persoas que demandan a converxencia real con Europa no que afecta á ordenación das ensinanzas artísticas superiores, pois coa excepción do que acontece en países como Italia ou España, en toda Europa, e en todo o mundo, as ensinanzas superiores de Arte dramática, Conservación e restauración de bens culturais, Danza, Deseño, ou Música, están integradas, ou están adscritas, ao sistema universitario de cada país. Son, en consecuencia, ensinanzas universitarias de pleno dereito. Entenden igualmente que non se xustifica que non se adscriban e integren na universidade os centros de ensinanzas artísticas superiores, mentres universidades privadas ofrecen graos e posgraos nas mesmas ensinanzas, xerando así un prexuízo, e unha discriminación negativa, ao alumnado que aposta pola oferta formativa dos centros públicos.

Se ben o Real Decreto 96/2014, de 14 de febrero, por el que se modifican los Reales Decretos 1027/2011, de 15 de julio, por el que se establece el Marco Español de Cualificaciones para la Educación Superior (MECES), y 1393/2007, de 29 de octubre, por el que se establece la ordenación de las enseñanzas universitarias oficiales, sitúa o Título de Grao Universitario e o Título Superior de Ensinanzas Artísticas Superiores no nivel 2 de cualificación, cómpre lembrar que a equiparación ou equivalencia de nivel dos títulos en España non implica equivalencia ou equiparación de títulos a nivel Europeo, pois non se trata dunha norma europea senón española. Tamén se lembra que todos os títulos de ensinanzas artísticas superiores que se outorgan en Europa, agás España ou Italia, en tanto títulos universitarios, levan a denominación de “Bachelor of arts”, que non poderán levar os títulos superiores en España, en tanto non son graos senón un “Higher Diploma”, denominación que pode xerar a confusión e mesmo unha equiparación inicial cos títulos de Grao Superior en Formación Profesional.

Esta situación de non equivalencia automática de titulación, que si teñen os graos co seu suplemento europeo ao título, pode ser especialmente prexudicial para o alumnado deste país, pois obrigará aos titulados superiores, como xa vén acontecendo cos actuais títulos superiores LOXSE, a validar os seus títulos, sexa en España, sexa en Europa, para obter un Bacherlor of Arts. Acontece isto nun momento en que a procura de emprego adquire unha dimensión transnacional, razón pola que se creou, precisamente, o Espazo Europeo de Educación Superior, para facilitar o tránsito das persoas en procura de oportunidades.

Estamos ante un proceso que, amais da perda de tempo (un ano escolar no mellor dos casos), implica sempre o pagamento de taxas por recoñecemento de créditos, matrícula e continuación de estudos. Na actualidade universidades privadas en España xa ofertan esa posibilidade de conversión de título superior en grao a prezos ben superiores a 5.000,00 Euros. 

Por outra banda, non se entende que, despois da integración na universidade doutras ensinanzas superiores, se deixen fóra da mesma as artísticas superiores, tendo en conta que ese proceso de adscrición e posterior integración non coñece máis que beneficios para o alumnado, o profesorado, os centros, a sociedade, e para a lexitimación e mellora das ensinanzas e das profesións que lles son propias.

Por esa e outras razóns as persoas reunidas nesta Asemblea Aberta deciden, amais de solicitar a súa incorporación ás Plataformas Galega e Estatal para a integración na universidade das ensinanzas artística superiores, iniciar campañas de recollida de sinaturas e de sensibilización da opinión pública, solicitar entrevistas coas autoridades académicas e outras institucións, e poñer en marcha cantas medidas estimen oportunas na resolución dun problema estritamente académico,  SUBSCRIBIR  a que denominan:

DECLARACIÓN DE MILLADOIRO

Os que subscriben a presente, diante do proceso de retroceso que están a padecer as ensinanzas artísticas superiores a causa do tratamento “especial” que veñen sufrindo ao longo da súa historia, e coa finalidade de facilitar a súa converxencia real no Espazo Europeo de Educación Superior e a súa incorporación ao Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía, tal e como establece a lexislación vixente,

RECLAMAN das administracións públicas con competencias e responsabilidades en educación, a publicación dunha norma que con carácter xeral estableza os criterios para a adscrición dos centros superiores de ensinanzas artísticas á universidade e que permita que nun período razoable de tempo eses centros se poidan integrar plenamente no sistema universitario, mantendo en todo caso as súas singularidades como ensinanzas artísticas.

Para iso entendemos que a dita norma debe contemplar:

1.  O procedemento para que os centros certifiquen as actuais titulacións como graos a través da universidade á que se adscriban, de xeito que o alumnado que iniciou os seus estudos no curso 2010-2011, e o que se matriculou en cursos posteriores, obteña unha titulación universitaria de Grao.
2.  O procedemento para que os centros poidan presentar, a través da universidade á que estean adscritos, estudos de posgrao, incluíndo máster universitario e doutorado, nas especialidades propias.
3.  O recoñecemento do alumnado dos centros superiores de ensinanzas artísticas como alumnado universitario, a todos os efectos.
4.   A posta en marcha dun plan de promoción da investigación nos centros superiores de ensinanzas artísticas, que permita así o desenvolvemento da carreira investigadora das graduadas e graduados. 
5. A posta en marcha dun plan de financiamento que permita a mellora de instalacións, equipamentos e infraestruturas dos centros superiores de ensinanzas artísticas, e a provisión dos recursos humanos necesarios.


No hay comentarios:

Publicar un comentario