sábado, 7 de febrero de 2015

Ensinanzas Artísticas Superiores: camiño da Universidade


PLATAFORMA GALEGA POLA ADSCRICIÓN/INTEGRACIÓN DAS EEAASS Á UNIVERSIDADE
ACTA XUNTANZA 24-01-2015


No día 24 de xaneiro de 2015, entre as 11:00 e as 13:00, celebrouse en Santiago de Compostela una xuntanza da Plataforma Galega pola Adscrición e Integración das ensinanzas artísticas superiores na Universidade:

CIG
CCOO
BNG
AGE
PODEMOS
Asemblea Aberta a favor da Integración na Universidade das EEAASS
CONFAPA
CSM A Coruña 
CSM Vigo 
ESAD 
ESCRBC Galicia 

(Desculparon a súa ausencia PSdG-PSOE, STEG e ACRE).

Situación actual
Perspectivas de futuro a nivel autonómico e estatal
Accións a emprender
Demandas diante do proceso electoral de 2015


SITUACIÓN ACTUAL

No primeiro punto analizouse a situación de absoluta falta de iniciativa das autoridades académicas e das administracións educativas nos tres anos que median entre a publicación da sentenza do Tribunal Supremo en xaneiro de 2012 e xaneiro de 2015.

A única novidade ten que ver co feito de que en Cataluña as ensinanzas artísticas sufrisen un proceso de verificación e que en Galicia se teña iniciado o proceso para que a ACSUG pola súa vez verifique as titulacións. Unha cuestión polo demais necesaria toda vez que a normativa actual xa o contempla e sendo de obrigado cumprimento.

Sen embargo, constátase de que a día de hoxe, a título de exemplo, non se teñen posto en marcha medidas orientadas a:
  • Dotar aos centros dunha normativa de funcionamento concordante coas ensinanzas superiores que imparten, e que permita que o alumnado poida exercer os seus dereitos de idéntica forma e con procedementos similares.  
  • Garantir a igualdade de oportunidades do alumnado en cuestións tan importantes como avaliación, becas, axudas ao estudo, residencias, axudas ERASMUS
  • Promover que, como establece a lexislación vixente, os centros desenvolvan liñas específicas de investigación, e de fomento da creación nos casos en que proceda. A normativa establece que os centros deberán integrarse no Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía, sen que a día de hoxe se teña feito nada para iniciar a creación de grupos de traballo.
  • Promover a estabilidade do profesorado e a súa carreira profesional de acordo coa natureza superior das ensinanzas que imparte. A ese fin o profesorado poder obter a titulación de doutor/a e ver recoñecido o seu estatuto investigador, condición fundamental para promover a investigación, a creación de equipos e lograr esa integración no Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía.
  • Dotar aos centros das infraestruturas, recursos e dotacións propios dun centro de ensinanzas superiores. 
  • Garantir que o alumnado galego poida realizar os estudos de grao e posgrao no seu país o que implica promover un percorrido formativo que vaia do título de graduado/a ao título de doutor/a. Se ben iso esixe contar cun número maior de doutores/as nos centros tamén compete á administración educativa dar pasos nesa dirección con medidas específicas que faciliten o traballo do profesorado nesa dirección.
  • Garantir igualmente que os centros galegos poidan ofrecer un percorrido formativo completo con índices de calidade e excelencia propios de calquera outro país, un desafío que supón unha aposta conxunta que debe nacer do diálogo, da confianza e do traballo en común entre centros e administracións.
  • Publicar a normativa relativa ao Suplemento Europeo do Título.
A única novidade que se anuncia, e que se coñece por vía sindical, é que o Consello de Ministros vén de aprobar ou está a punto de facelo, o Real Decreto que substitúe o RD 1614/2009, e no que ao parecer tan só se produce a corrección na denominación dos títulos. É dicir, onde se dicía grao vaise dicir titulo superior.

A Plataforma constata unha absoluta inacción por parte da administración estatal e autonómica, malia a vontade expresada en diferentes momentos de colaborar e traballar lealmente a prol da plena integración das EEAASS no EEES. Esa inacción é aínda máis evidente toda vez que as organizacións sindicais integradas na Plataforma teñen presentado en diferentes mesas de traballo coa Consellería a necesidade de iniciar a senda da adscrición diante do feito de que a ninguén prexudica. 

PERSPECTIVAS DE FUTURO A NIVEL AUTONÓMICO E ESTATAL

A Plataforma solicitará unha entrevista coa persoa que asuma a Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha vez se produza o relevo apuntado por fontes autorizadas (no momento de redactar esta acta este relevo está xa corroborado e previsto para días inmediatos). Para esa xuntanza vaise elaborar un pequeno informe que dea conta de cómo a anunciada equivalencia de titulacións non é tal, o que prexudica notablemente as persoas con titulación superior fronte ás que posúen un título de grao.

Debe trasladarse aos grupos políticos que participen nas eleccións xerais de 2015 a necesidade dun compromiso para que o próximo goberno, de forma inmediata trala súa constitución, promulgue un Real Decreto de adscrición das ensinanzas que xa contemple a posibilidade de integración nos casos en que sexa factible, e un Plan de financiamento. Con tal motivo desde a Plataforma Galega se van elaborar borradores que poidan servir como documentos de traballo, no noso país e no estado.

En consecuencia cómpre fortalecer a Plataforma Galega e recuperar a actividade na Plataforma Estatal, para que de forma conxunta se poidan promover accións, iniciativas e actividades orientadas a situar o problema na axenda política e defender os postulados propios de ambas Plataformas.

Tamén se acorda que desde AGE e desde o BNG se tramite que no Congreso dos Deputados/as  se presenten resolucións coa mesma finalidade: que cada grupo parlamentario se defina e concrete a súa posición, e tamén como forma de darlle visibilidade ao problema.

Na mesma dirección, a de visibilizar de novo o problema, os grupos do Parlamento de Galicia que apoian as demandas da Plataforma presentarán mocións, propostas ou iniciativas en función das temáticas e problemáticas máis importantes, xa sinaladas máis arriba.

Hai constancia de que desde ACESEA (Asociación Centros de Ensinanzas Artísticas Superiores) se están iniciando contactos na dirección contraria. Lograr que o próximo goberno devolva a titulación de grao, e pouco máis. 

ACCIÓNS A EMPRENDER

Ademais das xa sinaladas a Plataforma acorda realizar as seguintes accións:

Crear en cada centro unha comisión de traballo que analice a súa situación en base aos parámetros que seguen: (1) dotacións, recursos, infraestruturas e necesidades; (2) problemáticas específicas derivadas dunha normativa inadecuada e que van da participación da comunidade na xestión do centro ao problema dos posgraos; (3) problemáticas que afectan ao alumnado; ademais de nomeadamente a cuestión da titulación, acceso a residencias, bolsas e axudas de estudo, transportes, equipamento informático, bibliotecas, etc. (4) necesidades de persoal e situación do existente: estabilidade, carreira profesional e investigadora, etc. Esta comisión debería elaborar un informe exhaustivo, rigoroso e preciso para destacar as necesidades que debería atender un Plan de financiamento.
   
Colaborar activamente entre os centros da Plataforma para poder contar canto antes coa Memorias Verifica e os Sistemas de Garantía Internos de Calidade, compartindo recursos, materiais e ferramentas.
        
Establecer contactos con persoas doutras Comunidades Autónomas coa finalidade de recuperar a importancia do problema a nivel estatal.

Promover as relacións entre as asociacións e asembleas de alumnado das EEAASS e entidades similares na Universidade coa idea de estender na Universidade a idea da adscrición e da integración.
       
Celebrar unhas xornadas de estudo nas que se analice a situación actual e se expoña a posición da Plataforma mediante un documento marco que se poida trasladar ás forzas políticas. Convidar á administración educativa a estar presente nesa Xornada e a defender a súa posición contraria á adscrición.  A organización destas xornadas correrá a cargo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e Nova Escola Galega (NEG). 

DEMANDAS DIANTE DO PROCESO ELECTORAL DE 2015

Como xa se dixo para este ano de 2015 a Plataforma Galega deberá trasladar aos grupos políticos do país que concorran ás eleccións xerais de 2015 a petición de que no seu programa de goberno inclúan eses dous puntos antes citados:

Publicación dun RD de adscrición e integración no seu caso.
       
Deseño dun Plan de Financiamento en colaboración coas Comunidades Autónomas.
       
Dar publicidade a accións, actividades e outras cousas nas redes sociais. Na actualidade desde ambas Plataformas vense traballando cos blogs:

No hay comentarios:

Publicar un comentario