sábado, 28 de noviembre de 2015

27 de novembro de 2015. Un día para lembrar na loita das ensinanzas artísticas superiores pola súa adscrición e integración na universidade

A Universidade está máis cerca para as ensinanzas artísticas superiores en Galicia

Grazas a Europa Press pola cobertura, por certo!!!

Convocado pola Plataforma Galega pola Adscrición e Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario Galego, note, día 27 de novembro, celebrouse no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (antigua Escola de Maxisterio, o que non deixa de ser un símbolo, e unha metáfora), un acto en defensa da adscrición e posterior integración das ensinanzas artísticas superiores na universidade.


Camiño de Compostela, no autobús

O acto contou coa asistencia dunha nutrida representación de alumnado dos centros que integran a Plataforma (Conservatorio Superior de Música da Coruña, Conservatorio Superior de Música de Vigo, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia). Tamén contou coa asistencia de representantes das forzas sindicais que integran a Plataforma: Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), Comisións Obreiras (Federación do ensino), FETE-UGT, e Sindicato Galego de Traballadoras e Traballadoras do ensino.

O acto, cun formato moi sinxelo, contou coa participación de alumnado do Conservatorio Superior de Música da Coruña (cun magnífico grupo de Jazz), cunha colaboración entre alumnado da ESAD de Galicia e da ESCRBC de Pontevedra que realizaron unha acción escénica breve moi espontánea e divertida que culminou co berro unánime da xornada (“Somos Universidade”), e rematou cunha breve peza para violíns interpretada por tres alumnas do Conservatorio Superior de Música de Vigo (excelente!). Toda unha mostra do saber facer dun alumnado que loita por unha formación de calidade no seu propio país.


O alumnado toma a palabra, para dicir "Somos Universidade"

De calidade e de país falaron os representantes do alumnado, verdadeiros artífices do acto, no que destacaron o feito de que elas e eles son os axentes culturais necesarios para facer e crear cultura, e para mantela e conservala, pero tamén para proxectala no mundo e facer de Galicia unha terra das artes. Lamentaron as moitas precariedades que padecen os centros e que tanto afectan a súa formación, mostraron o seu estupor e sorpresa diante da negativa do goberno de Galicia e do Estado para dar solución a un problema que lles afecta gravemente na formación, nas mobilidades e no emprego, e reafirmaron unha vez máis o seu desexo de ser universidade.

Finalmente subiron ao estrado os representantes das forzas políticas que apoian as reivindicacións da Plataforma: Xavier Ron, por AGE, Xavier Vence e Cosme Pombo polo BNG, Zeltia Martínez López por Compromiso por Galicia, Breogán Riobó por PODEMOS, María Concepción Burgo López e Guillermo Meijón polo PSdG-PSOE, e Javier Lojo por UPyD.

DECLARACIÓN DO 27 DE NOVEMBRO DE 2016
POLA ADSCRICIÓN DAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES Á UNIVERSIDADE

Desde hai varios anos, a Plataforma Galega pola Adscrición e Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario Galego vén reclamando iniciar o proceso voluntario de adscrición universitaria de tales ensinanzas. Como resposta a decisións democráticas nos respectivos órganos de goberno, na Plataforma intégranse centros superiores de titularidade pública (Conservatorios Superiores de Música da Coruña e de Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática e a Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais), as asociacións de estudantes dos mesmos, e os sindicatos CIG, CCOO, STEG e FETE-UGT.

Entendendo que se trata dunha reclamación lexítima, que só pode redundar na posta en valor das ditas ensinanzas, e na mellora da situación do alumnado, do profesorado, dos centros e dos servizos que estes prestan á sociedade, as forzas políticas que máis abaixo subscriben, acordan trasladar esta demanda ao Congreso dos Deputados e Deputadas e propoñer unha normativa que articule esta posibilidade xa contemplada na LOE, e ao mesmo tempo iniciar o proceso de adscrición en Galicia no curso escolar 2016-2017 no suposto de que as mesmas teñan maioría suficiente no Parlamento de Galicia tralas eleccións autonómicas de 2016.

Foi o momento crucial do acto, e unha vez estampada a última sinatura, todo o auditorio, posto en pé, aplaudiu con forza o xesto dunhas forzas políticas que están coa cidadanía e coas súas lexítimas demandas, ben lonxe dos intereses que semellan agochar outras forzas, seguramente fortalecer a oferta en ensinanzas artísticas superiores dos centros universitarios privados.




Momento da sinatura da Declaración de Compostela

Rematado o acto todos os representantes das forzas políticas reafirmaron ante o alumnado e a prensa o seu compromiso para defender a proposta no Congreso dos Deputados e Deputadas de Madrid despois do 20D, e no Parlamento de Galicia, agora e despois das eleccións autonómicas de 2016 (como xa veñen facendo nestes anos).

Os representantes do alumnado sinalaron que este é o primeiro dos actos que se van celebrar en Galicia en defensa da adscrición e anunciaron novas iniciativas para os próximos meses. Igualmente informaron de que están establecendo contacto con alumnado de centros do resto do Estado, que tamén está reclamando a mesma medida, para comezar unha gran mobilización a nivel peninsular desde a Plataforma Estatal.

E todo isto acontecía no día en que Cosme Pombo, parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia presentaba unha proposta a favor da adscrición na Mesa de Educación e Cultura, que era contestada polo deputado do Partido Popular Hipólito Fariñas Sobrino; unha resposta a deste deputado que demostra varias cousas: (1) que cando fala de ensinanzas artísticas non sabe do que está a falar (o que é especialmente grave) e (2) que o Partido Popular a día de hoxe carece de argumentos para defender unha postura que curiosamente contradí o que este partido proclamaba no seu programa de 2008. Debería saber o tal Fariñas Sobrino, el tan británico, que universidades tan prestixiosas como Yale University ou Stanford University contan con escolas de ensinanzas artísticas, ou que a Escola Naval de Marín está adscrita á Universidade de Vigo. Simple desprezo polas ensinanzas, pola arte e pola cultura? Simple ignorancia? Misterios sen resolver.

Que por certo, o mundo debe andar ao revés, porque en Andalucía, o Partido Popular, o mesmo do Sr. Fariña, pide xusto o contrario, como podemos ler nesta nova.



En calquera caso, as ensinanzas artísticas superiores, cedo ou tarde, serán universitarias. É magoa tanto tempo que se está a perder, pero todo chegará. Sopran ventos de cambio e de remuda en toda Galicia, en toda España, e co cambio e coa remuda chegará o que ten que chegar: 

SOMOS UNIVERSIDADE !!!

martes, 24 de noviembre de 2015

A caste e a universidade das artes

En diversos foros, os de sempre (ACESEA e amigos de todo o Estado), seguen a cuestionar a adscrición e insisten en crear universidades das artes (en Murcia para 900 alumnos/as). Ante semellante tontería, a Plataforma Galega elaborou un documento que vén de publicar a revista Docenotas e que paga a pena ler.