martes, 12 de abril de 2016

A demanda de integración na Universidade chega ao Consello Escolar de Galicia

Organizacións sindicais como a CIG, CCOO e FETE-UGT, integradas na Platafforma pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade teñen solicitado a creación no Consello Escolar de Galicia dunha comisión de traballo que elabore un informe sobre o estado das ditas ensinanzas co actual marco organizativo propio da educación secundaria e as problemáticas diversas que impiden a súa plena integración no Espazo Europeo de Educación Superior. En termos xerais a solicitude das organizacións sindicais demanda:

(...) que se constitúa una comisión de persoas expertas que, con criterios científicos, académicos e pedagóxicos, e que demandando a opinión dos axentes do sector, analice, mesmo nunha perspectiva comparada atendendo a organización destes estudos noutros países do noso entorno, a oportunidade, posibilidade, utilidade, e mesmo conveniencia de que as ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia se adscriban á Universidade, ou se desenvolvan outros mecanismos para a súa organización como poida ser unha Universidade das Artes, presentando un informe no que se valoren e propoñan solucións para a integración efectiva destas ensinanzas no Espazo Europeo de Educación Superior, e para que as mesmas contemplen un ciclo completo de estudos de grao e posgrao. Propoñemos igualmente que o dito informe recolla a instancia administrativa que, no organigrama actual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, se deba da supervisión das ditas ensinanzas e dos procesos que se desenvolvan para a súa mellora organizativa e académica. Instamos que o informe que deba elaborar esa comisión estea dispoñible para os efectos que proceda antes do remate do presente ano 2016.

Unha demanda que en definitiva vén situar o problema nos seus aspectos académicos, e lonxe da batalla política onde se tentou situar de forma absurda polas autoridades educativas. 

Unha boa nova para as demandas da Plataforma.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario