jueves, 7 de abril de 2016

Somos Universidade. 27 de abril, día en defensa da incorporación das ensinanzas artísticas superiores á universidade



As asembleas de alumnado, asociacións de alumnado, organizacións sindicais e colectivos profesionais agrupados na Plataforma pola Integración das EEAASS no Sistema Universitario, e na Plataforma Galega pola Integración na Universidade das EEAASS, convocan unha xornada de reivindicación en Galicia e en toda España o 27 de abril de 2016 e trasladan á sociedade o seguinte manifesto:

SOMOS UNIVERSIDADE

MANIFESTO DE ABRIL DE 2016
Diferentes asociacións, organizacións sindicais e profesionais, colectivos, foros e grupos de traballo agrupados arredor da Plataforma pola Integración das EEAASS no Sistema Universitario e da Plataforma Galega pola Integración na Universidade das EEAASS, convocan unha xornada de accións reivindicativas en toda España para demandar das administracións competentes a incorporación das Ensinanzas Artísticas Superiores á Universidade naqueles centros públicos de Ensinanzas Artísticas Superiores que así o demanden, reclamando ademais que ese proceso se inicie de forma inmediata no curso escolar 2016-2017.

As Plataformas entenden, á vista dos últimos acontecementos, que no actual Congreso das Deputadas e Deputados existe unha maioría favorable a esa medida, e valora moi positivamente que todas as forzas parlamentarias, coa excepción do Partido Popular e a abstención do Partido Nacionalista Vasco, se teñan pronunciado a favor da incorporación; pero tamén entenden que o proceso debe poñerse en marcha de forma inmediata, evitando que a creación de comisións e grupos de traballo se converta nunha manobra dilatoria, toda vez que os procesos de adscrición xa están previstos na lexislación vixente. Ao mesmo tempo lamentamos que o Partido Popular, que no seu programa electoral de 2008 reclamaba a incorporación das EEAASS á Universidade, renuncie agora a esa medida e se opoña a ela, por razóns nunca explicadas, aínda que entre elas poida estar a proliferación de títulos na Universidade privada.

As Plataformas valoran que os procesos que se teñen dado ata agora para xerar un novo marco para estas ensinanzas segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, como a creación de Institutos Superiores de Ensinanzas Artísticas, non deron os resultados que deberan na homologación efectiva destas ensinanzas no dito marco, teñen mostrado a súa ineficacia e supoñen un dispendio económico. De igual maneira, desde as Plataformas entendemos e así o temos exposto e razoado sen que se nos teña argumentado en contra, que solucións como as propostas, “universidades das artes” non son viables en case ningunha comunidade autónoma do Estado por carecer do volume de alumnado que xustifique a creación de novas estruturas universitarias. Por iso defendemos que a vía para lograr o pleno desenvolvemento destas ensinanzas e dos centros que as imparten, e que sexa posible nun prazo razoable de tempo, é a integración na Universidade, cos períodos de adscrición transitoria que en cada caso se contemplen.

Para iniciar este proceso demandamos que, desde as administracións, ben por iniciativa propia, ben a instancia do lexislativo, e co consenso da maioría parlamentaria estatal que apoia a adscrición, se elabore con carácter inmediato unha norma básica que unifique as diferentes interpretacións que da norma existente se están dando, toda vez que a actual xa permite que se inicien os procesos de adscrición. Entendemos que esta norma básica debe satisfacer as seguintes demandas:
  • Os Centros Superiores de Ensinanzas Artísticas poderán incorporarse ao sistema universitario mediante o correspondente convenio de adscrición a unha Universidade. Segundo os casos, o convenio establecerá tamén o carácter transitorio da adscrición e a súa duración, cando esta teña carácter previo á plena integración. 
  • A adscrición dos Centros de Ensinanzas Artísticas Superiores ás universidades correspondentes realizarase atendendo a criterios xeográficos, académicos ou de tradición educativa. As administracións educativas, no uso das súas competencias sobre organización universitaria, disporán a vía que resulte máis idónea atendendo a estes criterios. 
  • Os centros, a través das universidades a que estean adscritos, presentarán unha memoria por cada unha das titulacións que teñan implantadas, ou en proceso de implantación, ante a axencia autonómica de calidade e acreditación, ou no seu defecto ante a ANECA, para os efectos da súa autorización, e a inscrición dos correspondentes títulos de grao no catálogo de títulos da Universidade que os presente. 
  •  Os centros adscritos, a través da Universidade de adscrición, poderán presentar memorias de verificación relativas a estudios específicos de posgrao (máster e doutorado), coa finalidade de posibilitar a formación investigadora do alumnado que conclúa os estudos de grao. 
  •  De acordo co establecido no artigo 11 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, modificada pola Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril,  os centros adscritos adaptarán as súas normas de funcionamento á normativa universitaria, dotándose de todos aqueles documentos normativos que proceda e que haberán de ser aprobados polos órganos competentes da Universidade, e no seu caso polo departamento que na comunidade autónoma ostente as competencias en materia educativa, segundo se teña establecido no convenio de adscrición. 
  • En tanto as Ensinanzas Artísticas Superiores son estratéxicas no desenvolvemento do sistema educativo e cultural, os procesos de ensinanza e aprendizaxe deben manter o carácter individualizado que neste momento posúen, polo que se garanten as actuais ratios profesorado/alumnado establecidas no Real Decreto 303/2010, de 15 de marzo. 
  • Desde o momento da adscrición, e de acordo co establecido na Lei Orgánica 4/2007, o alumnado dos centros superiores adscritos terá a condición plena de alumnado universitario. 
  • Durante o período de adscrición o procedemento de acceso ás ensinanzas adscritas seguirá as pautas establecidas nos reais decretos de referencia. 
  • Para promover a optimización de medios e recursos atendendo aos principios de calidade, eficacia e eficiencia, e de acordo co mapa de centros e titulacións que resulte do proceso de adscrición, as administracións educativas poderán considerar centro educativo, para os efectos de organización, xestión e administración, a agrupación de centros públicos situados nun ámbito territorial determinado, tal e como se establece no artigo 107.5 da Lei Orgánica  2/2006, non modificado pola Lei Orgánica 8/2013.   
  • Nos casos en que proceda, a administración educativa de cada Comunidade Autónoma arbitrará o proceso para establecer os cadros de persoal obxecto de adscrición en cada centro. 
  • En calquera caso, a adscrición non suporá perda de dereitos consolidados para o persoal docente e de administración e servizos. 
  • No catálogo de áreas de coñecemento, haberá de considerarse a creación de aquelas que son propias das Ensinanzas Artísticas Superiores e que no existan no catálogo actual. Igualmente en cada centro se creará, como mínimo, un departamento específico para cada unha das áreas. 
  • Aos efectos de facilitar a integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía, e o desenvolvemento da actividade investigadora que lles é propia, así como de facilitar o desenvolvemento de liñas de investigación específicas nos centros e programas de doutorado, o profesorado poderá solicitar sexenios de investigación. A ANECA e as axencias autonómicas establecerán un procedemento específico para atender este proceso. 
  • As comunidades autónomas, en colaboración cas universidades, favorecerán a creación de un número suficiente de novos grupos de investigación nos centros mediante convocatorias específicas, coa finalidade de conformar unidades que poidan ser competitivas a medio prazo. 
  • Durante o período de adscrición as comunidades autónomas e as universidades poderán establecer, mediante o correspondente convenio, os acordos necesarios para a transferencia de persoal, infraestruturas, equipamentos e outros bens, así como os prazos para dotar aos centros dos medios e recursos que procedan en función da súa integración no Espazo Europeo de Educación Superior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario