viernes, 3 de junio de 2016

Para que Galicia non quede atrás, Universidade Xa! Nós non pedimos imposibles, pedimos o que é de xustiza, unha incorporación á universidade pactada e co maior grao de consenso. DIÁLOGO, que todo está inventado.



Comunicado da Plataforma Galega pola integración das ensinanzas artísticas superiores na universidade

Maio de 2016

En xaneiro de 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo establecía que as ensinanzas artísticas superiores non podían conducir a unha titulación de grao, ao ser este un título que só poden outorgar as universidades. Aquela sentenza non só poñía en cuestión o feito de que títulos superiores equivalentes a un título universitario se impartisen en centros que funcionaban como institutos de secundaria, senón a imposibilidade de que os mesmos se puidesen integrar academicamente no Espazo Europeo da Educación Superior, e en consecuencia desenvolver as novas funcións que a normativa lles demandaba, desde o exercicio dunha maior autonomía que nunca chegou, ata a posta en marcha de programas de investigación nas áreas de coñecemento que lles son propias. Aquela sentencia do Tribunal Supremo, ademais de deixar sen título de grao a un gran número de alumnos e alumnas mostraba as disfuncións dunha organización académica tan inadecuada como obsoleta.

Coa consciencia de que a dita sentenza mostraba a necesidade de que as ensinanzas artísticas superiores precisaban dun novo modelo organizativo, desde o que promover a súa plena integración no Espazo Europeo da Educación Superior, constituíuse en Galicia unha Plataforma que desde 2012 vén reclamando a incorporación dos centros ao sistema universitario e reclamando das administracións educativas medidas efectivas nesa dirección, en tanto a incorporación á universidade das ensinanzas consideradas superiores pola LOE e pola LOMCE é unha constante que se vén aplicando en todo o Estado, como mostra o feito de que mesmo ensinanzas que se imparten en centros educativos do Ministerio de Defensa estean adscritas á universidade.

En todos estes anos a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mostrou unha posición contraria a esa posibilidade de adscrición, e mesmo deixou sen efecto a aplicación do regulado no Decreto 332/2009 que establecía que lle correspondía á Secretaría Xeral de Universidades “a coordinación e planificación das ensinanzas artísticas superiores que se impartan en centros non universitarios de Galicia no marco da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación” (Sic.). Unha medida certamente pioneira que quedou se efecto en Galicia, pero implementada noutras comunidades autónomas, como a de Madrid, pois na súa Dirección Xeral de Universidades e Investigación existe unha Subdirección Xeral de Ensinanzas Artísticas Superiores, para realizar as funcións de coordinación e planificación que en Galicia estaban previstas no citado Decreto 332/2009.

Chega agora a nova de que desde a Dirección Xeral de Universidades e Investigación da Comunidade de Madrid se vai promover a creación dunha Universidade das Artes para incorporar as ensinanzas artísticas superiores á universidade e para agrupar os centros superiores baixo un mesmo espazo organizativo. Con esta iniciativa, queda demostrado que non existen razóns académicas que impidan a incorporación das ensinanzas artísticas superiores á universidade, e que a reiterada negativa a considerar esa posibilidade, que o Partido Popular contemplaba no seu programa electoral de 2008, obedece a outras razóns e motivacións, que a Plataforma nunca chegou a coñecer.

Por todo o dito a Plataforma solicita unha vez máis da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a posta en marcha dun proceso que permita que os centros que imparten ensinanzas artísticas superiores, e que así o soliciten, se poidan adscribir á universidade no próximo curso escolar 2016-2017, e que igualmente se desenvolvan as liñas de traballo que máis abaixo se sinalan para lograr unha integración plena dos centros e das súas ensinanzas no Espazo Europeo da Educación Superior.

Os Centros Superiores de Ensinanzas Artísticas poderán incorporarse ao sistema universitario mediante o correspondente convenio de adscrición a unha Universidade.

Os centros, a través das universidades a que estean adscritos, presentarán unha memoria por cada unha das titulacións que teñan implantadas ante a ACSUG, para os efectos da súa autorización, e a inscrición dos correspondentes títulos de grao no catálogo de títulos da Universidade que os presente.

Os centros adscritos, a través da Universidade de adscrición, poderán presentar memorias de verificación relativas a estudios específicos de posgrao (máster e doutorado), coa finalidade de posibilitar a formación investigadora do alumnado que conclúa os estudos de grao.

De acordo co establecido no artigo 11 da Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, modificada pola Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, os centros adscritos adaptarán as súas normas de funcionamento á normativa universitaria, dotándose de todos aqueles documentos normativos que proceda e que haberán de ser aprobados polos órganos competentes da Universidade, e no seu caso polo departamento que na comunidade autónoma ostente as competencias en materia educativa, segundo se teña establecido no convenio de adscrición.

En tanto as Ensinanzas Artísticas Superiores son estratéxicas no desenvolvemento do sistema educativo e cultural, os procesos de ensinanza e aprendizaxe deben manter o carácter individualizado que neste momento posúen, polo que se garanten as actuais ratios profesorado/alumnado establecidas no Real Decreto 303/2010, de 15 de marzo.

Desde o momento da adscrición, de acordo coa Lei Orgánica 4/2007, o alumnado dos centros superiores adscritos terá a condición plena de alumnado universitario.

Para promover a optimización de medios e recursos atendendo aos principios de calidade, eficacia e eficiencia, e de acordo co mapa de centros e titulacións que resulte do proceso de adscrición, as administracións educativas poderán considerar centro educativo, para os efectos de organización, xestión e administración, a agrupación de centros públicos situados nun ámbito territorial determinado, tal e como se establece no artigo 107.5 da Lei Orgánica 2/2006, non modificado pola Lei Orgánica 8/2013.

Nos casos en que proceda, a administración educativa de cada Comunidade Autónoma arbitrará o proceso para establecer os cadros de persoal obxecto de adscrición en cada centro. En calquera caso, a adscrición non suporá perda de dereitos consolidados para o persoal docente e de administración e servizos.

No catálogo de áreas de coñecemento, haberá de considerarse a creación de aquelas que son propias das Ensinanzas Artísticas Superiores e que no existan no catálogo actual. Igualmente en cada centro se creará, como mínimo, un departamento específico para cada unha das áreas.

Aos efectos de facilitar a integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía, e o desenvolvemento da actividade investigadora que lles é propia, así como de facilitar o desenvolvemento de liñas de investigación específicas nos centros e programas de doutorado, o profesorado poderá solicitar sexenios de investigación. A ACSUG establecerá un procedemento específico para atender este proceso.

As comunidades autónomas, en colaboración cas universidades, favorecerán a creación de un número suficiente de grupos de investigación nos centros mediante convocatorias específicas.

Durante o período de adscrición as comunidades autónomas e as universidades poderán establecer, mediante o correspondente convenio, os acordos necesarios para a transferencia de persoal, infraestruturas, equipamentos e outros bens, así como os prazos para dotar aos centros dos medios e recursos que procedan en función da súa integración no Espazo Europeo de Educación Superior.

Asemblea de alumnas  e alumnos do CSM de A Coruña
Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia
Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo
Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia
Asociación de titulados en estudos superiores de arte dramática de Galicia
Asemblea aberta de nais e pais pola Integración na Universidade das EEAASS
Asociación de Conservadores e Restauradores de España (ACRE)
Conservatorio Superior de Música de Vigo
Conservatorio Superior de Música de A Coruña
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Escola Superior de Conservación e Restauración de BBCC de Galicia
CIG Ensino, Confederación Intersindical Galega
Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia
FETE-UGT Galicia.
STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia