sábado, 15 de diciembre de 2018


Manifesto do 14 de decembro. Universidade xa!


En xaneiro de 2012 unha afortunada sentenza do Tribunal Supremo mostraba con precisión e rigor a inconsistente ordenación das ensinanzas artísticas superiores no sistema educativo español. A retirada da denominación de “grao” para as súas titulacións, devolvía tales ensinanzas, e os centros que as imparten, ao seu verdadeiro espazo: a educación secundaria. Ben é certo que a modo de compensación se ten recoñecido a “equivalencia” das titulacións, o que xera unhas incertezas que rexeitamos.

Fronte ao que propoñía a Lei Xeral de Educación de 1970, que permitiu a incorporación á universidade de numerosas titulacións superiores, das Belas Artes á Mariña Civil, a norma educativa posterior ten potenciado unha crecente segregación das ensinanzas artísticas superiores a respecto da educación universitaria. Iso afecta de forma grave aos dereitos e deberes do alumnado, á posibilidade de organizar estudos de posgrado, ao desenvolvemento dos centros como espazos de investigación aplicada, á carreira docente e investigadora do profesorado ou aos programas de mobilidade e intercambio científico. Máis aínda, esta segregación acaba tendo transcendencia no desenvolvemento e lexitimación daquelas profesións nas que a titulación ten carácter habilitante, seriamente afectadas pola existencia de duplicidades nos títulos, como ocorre en Conservación e Restauración de Bens Culturais ou en Deseño. 



Tal situación complícase máis aínda se consideramos que nos últimos anos aumentou de forma exponencial a oferta de centros privados que, amparados en convenios de adscrición coa universidade pública, ofrecen graos e posgraos en ensinanzas artísticas en todas as súas especialidades. Todo iso xera unha discriminación negativa do alumnado da educación pública, dos centros e da súa oferta educativa, así como nas súas posibilidades de desenvolvemento institucional ou de competir en igualdade de condicións e oportunidades.

Contrariamente ao que acontece en todo el mundo, onde as ensinanzas artísticas superiores son plenamente universitarias, en España optouse por unha vía que nin se compadece coa converxencia europea nin coas esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior, o que xera graves inconvenientes na mobilidade das profesións da cultura. 


Para promover a igualdade de oportunidades e a defensa dos lexítimos dereitos do alumnado, a mellora das ensinanzas, a implantación de estudos de posgrao propios, a promoción da investigación, o fomento da mobilidade, e moi especialmente a converxencia con Europa e co mundo, reclamamos a incorporación inmediata das ensinanzas artísticas superiores á universidade pública. Instamos en consecuencia ao Goberno e ao Ministerio de Educación a dar os pasos necesarios para tomar a senda anunciada na Lei Xeral de Educación de 1970 e acabar con equivalencias que só provocan segregación. 

Queremos sentirnos, cincuenta anos despois e por fin, parte de Europa, Universidade xa!